Normandos en Galicia

22.02.2012 22:25

 

Hai unhas semanas corroboramos -escoitando a Miguel Gago en Rialeda- que a historia normanda (viquinga, lordemana) en Galicia deixou impronta, aínda que estamos á percura de restos arqueolóxicos que poidan confirmar asentamentos concretos. Quizás os Moutillós poidan dar solución aos enigmas dos asentamentos, quizás entón o Lordemanos recreado por Miguel Ángel Badal perto de Ribadeo adquira significación e sentido. 

Mentres tanto, quedámonos coa idea de que os viquingos eran feros asaltantes das nosas costas antes da "Apocalipse" do ano 1000. Mais non só iso. De seguro que mercaron -probablemente sal- nas nosas costas, de seguro que axudaron aos campesiños a librarse de algún que outro señor excesivamente avaricioso. Non só nos ha de quedar a imaxe deles como bárbaros que se recreaban na pillaxe e disfrutaban con pedir rescates de mulleres valoradas en capas, espadas, sal e vacas. Aínda que sexa esa a imaxe que se cultive cada ano na Romaría Viquinga de Catoira, desde 1960.

Os normandos tamén foron artífices de lendas populares entre nós, como a do Bispo Santo -que fala do afundimento dunha frota de naves viquingas fronte ás costas de Foz- de San Martiño de Mondoñedo que ía fuxindo cos campesiños cara ao cumio do monte para refuxiarse dos saqueos, e axeonllándose cada pouco para que Deus intercedese naquel intre de desacougo. 

Para un coñecemento puntual da cultura viquinga e a súa influencia en Galicia non hai que deixar de consultar Os viquingos en Galicia, de J.Simón Izquierdo Díaz, ou entrar máis a fondo no estudo de Vicente Almazán que leva por título Gallaecia Scandinavica.

En todo caso, non cabe deixar de lado as aportacións de Manuel Gago no seu blogue sobre este tema.