Camiños de Compostela
Tras o "achado" e invención do enterramento do Apóstolo Santiago en Compostela (no século IX), o antigo e minúsculo asentamento romano revivíu mediante as doazóns e privilexios de distintos monarcas, o primeiro dos cales -aquel Afonso II o Casto que partíu de Oviedo polo camiño privimitivo para chegar ao "campo de estrelas"- mandou edificar unha basílica para acoller os restos do seguidor de Cristo.
Eran tempos de inseguridade os da primeira Compostela, rexentada por bispos de Iria emigrados que enseguida cambiaron de facto de sé episcopal, para refuxiarse en terras interiores máis alonxadas dos perigos normandos. E así foi como Sisnando II amurallou a cidade, reforzou as súas defensas e combateu coas armas (sempre se di que os antigos bispos de Iria-Compostela tiñan a man o báculo e a balesta) ao exército de Gunderedo -contra o que perdeu a vida-. E aínda despois Cresconio continuaría esta tradición.
Mais a finais do século XI chegou Diego Páez, impulsor da construción da basílica románica de Santiago, e o traslado definitivo da sé de Iria a Compostela. A comezos do XII Diego Xelmírez impulsou notablemente a cidade como centro de peregrinación: conseguíu convertela en arcebispado, celebrou os primeiros Anos Santos e mandou redactar esa xoia roubada do entorno catedralicio en 2011 (800 anos despois da consagración da catedral de Santiago de Compostela) que é o Códice Calixtino . Un ano despois, o Códice foi recuperado.
Pinto & Chinto. La Voz de Galicia (8 de xullo de 2011)
Davila. Faro de Vigo (6 de xullo de 2012)
E entón xentes de toda Europa visitaron o faro máis occidental da cristiandade, Jakobsland, aquel que se erguía nun triángulo máxico de peregrinacións a "terras santas": Xerusalén, Roma, Santiago. Fixérono sobre todo polo Camiño Francés, o máis transitado, mais non o único (outros eran a Vía da Prata, o camiño portugués, o inglés e o da costa), e algúns remataban o seu periplo naquela Fisterra que para os romanos era o cabo do mundo.
Polo Camiño chegou o románico, impulsouse o comercio, fluiron os avances bélicos e as novas mentalidades. Non era un lugar de todo seguro, mais estaba cheo de solidariedade. E así foi durante os séculos XII e XIII, os de maior impulso medieval das peregrinacións, as cales decaerían a partir da Peste Negra de 1348... ata recuperárense de xeito triunfal nos Xacobeos actuais. Mais esta é xa outra historia.