Bretoña
Bretoña é hoxe un pequeno núcleo de 176 habitantes(nomenclátor de 2011, INE), asentado no alto dun outeiriño que dá ao río da Portela, afluínte do Miñotelo, no concello de A Pastoriza (Lugo). A parroquia á que pertence, Santa María de Bretoña, ten -segundo as mesmas fontes- 758 habitantes.
No alto do outeiriño, de pouco máis de 500 m de altitude, atópase a actual igrexa de Santa María de Bretoña, á que Antonio García y García consagrou a súa “Historia de Bretoña”. O autor apunta a tese de que esta igrexa é a sucesora do “mosteiro de Máximo”, un lugar mencionado no Parroquial Suevo (século VI) como sé do bispado de Britonia. E esta sería, polo tanto, a herdeira dunha das primeiras sés episcopais da Galicia sueva, aquela na que os bretóns procedentes das Illas Británicas por mor das invasión de anglos e saxóns, se asentaron.
A Britonia do século VI é un territorio aínda non de todo definido. Segundo as hipóteses de Simon Young, autor en 2002 do libro “Britonia: Camiños novos”, publicado por Toxosoutos, Britonia sería un territorio que abranguería boa parte do norte das provincias de Lugo e A Coruña, xunto con parte do Occidente de Asturias, onde se terían asentado, entre 469 e 572, os bretóns antes citados.
A figura ben destacada, pola súa participación no Concilio de Braga de 572, destes bretóns, foi o bispo Maeloc, ao que Milladoiro dedicou aquel disco chamado “A Galicia de Maeloc” (1979).
Se un camiña cara ao centro da localidade atópase unha praza alongada, cun cruceiro e unha fonte presidida pola figura bifronte do bispo Maeloc, representado como caudillo e bispo, co seu báculo; aínda que ben parece que a iconografía elixida estivese inspirada no deus cartaxinés Moloc, quen tamén era representado con coroa e con báculo. A mitificación deste Maeloc na praza de Bretoña inclúe un tronco de carballo -árbore asociada aos druidas- cun trisquel e uns lagartos aparentemente “domesticados” no borde da fonte. Sen dúbida, a iconografía ten fondas raíces celtas, reivindicadas en Bretoña cada ano desde hai un tempo coa celebración do Lugnasad.
Pero a nós interésanos o Maeloc histórico, a existencia dunha sé britoniense anterior ao traslado da mesma a Mondoñedo (no século VIII), despois da destrución de Bretoña e do mosteiro de Máximo a causa das invasións musulmanas.
Outra maneira mítica e lendaria de ver este asunto do bispo bretón é a que leva a veciños de Foz e Barreiros, no verán, desde 2007, a manter no seu poder o “diamante” de Maeloc, aquel que segundo a lenda estaría enterrado nalgunha montaña profunda do norte lucense. n