Asalto en Vimianzo

07.07.2012 23:55

 

Xa se di que se non tés festa medieval non es nada. Entón, bo será engalanarse para a ocasión... Se non hai casco histórico pétreo, ben será poñer adornos e feirantes que o disfracen, e para o caso ben valen os sacos ou arpilleiras das que Millares e Tàpies acugulaban. Ben se lles pode imprimir un castelo para cubrir as cadeiras dos bares, rachar para facer traxes de asalto, dispor a xeito de arco triunfal, todo para dar a impresión de que o "tecido irmandiño" impregna o formigón armado dun aire revolucionario. 

Tal acontece en Vimianzo, terra dos Moscoso, unha vila nova na que o castelo restaurado lembra a súa importancia medieval. Mais hoxe as rúas e vivendas non se distinguirían de calquera outra pequena vila galega: as mesmas beirarrúas, os mesmos xeriátricos inmensos, o mesmo parque empresarial baleiro,... Mais Vimianzo engadíu a este debalar das festas medievais un interesante perfil: o do asaltiño ao Castelo dos nenos, no que os fachos e as forcadas da noite (armas que xa ben dixo Carlos Barros que non serían as únicas utilizadas polos irmandiños para abater torres e castelos) se volven pistolas de auga e mangueiras, para acostumar ao público infantil a unha festa nosa, unha festa de troula contra a tiranía. Lembrando un acontecemento, o do abatemento do castelo dos Moscoso, os da cabeza de lobo no blasón , en 1468. 

O castelo de Vimianzo, "asaltado" en 1936 por forzas consistoriais republicanas, é hoxe en día un dos mellor conservados de Galicia, que alberga unha bela mostra de "artesanía en vivo", nos que as tecedoras de liño e as palilleiras, os traballadores do coiro e os oleiros conviven de xeito natural cunhas pedras centenarias, as que acolleron ao arcebispo Fonseca preso perto de dous anos, as mesmas que presiden hoxe un val fértil cheo de vestixios megalíticos.

* Infórmate sobre o programa do asalto 2012 ao castelo de Vimianzo. E vídeo promocional.