Literhistoria

Darío Xohán Cabana recrea a vida de García II, fillo de Fernando I de Castela e coroado monarca probablemente en 1066, cando o reino de Galicia independente tivo a súa máis longa extensión, pois chegaba case ata o Texo. A novela presenta unha imaxe amable e de loubanza do monarca, que outras veces ten sido tratado pola historiografía como un rei indolente. A través das súas lembranzas desde o cárcere do castelo de Luna, García vai reconstruíndo a súa vida, desde a educación co bispo Cresconio ata as traizóns fraternas, as ensoñacións de grandeza ou a adaptación á realidade, sempre como un rei humilde e compasivo cos que máis o precisan.

* Le algúns fragmentos da novela de Darío Xohán Cabana.

Miguel Ángel Badal Salvador recrea a historia de colaboración e enfrontamento entre o bispo de Iria (aínda que xa residente en Compostela) Cresconio e o viquingo Ulf, apodado "o Galego", autor do máis lembrado asalto ás Torres do Oeste -en Catoira-, a mediados do século XI, aínda que sen definir a data concreta (digamos que ca. 1050). A través das lembranzas dun maduro Cresconio, excomulgado por Roma, descubrimos un falso poboado de Lordemanos (perto do actual Ribadeo) onde se produce o primeiro avistamento entre o bispo e o normando. Badal mergúllanos nunha atmósfera apocalíptica, nun libro cheo de cultismos, para darnos unha visión atormentada desta época (final da Alta Idade Media) caracterizada pola inseguridade no litoral... E tamén no interior das conciencias.

Le algúns fragmentos da novela de Miguel Badal Salvador.

José Luis Corral, historiador e escritor, recrea un episodio dos máis enigmáticos dos últimos tempos: o roubo do Códice Calixtino na catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011, o mesmo ano que se cumpriron 800 da consagración da basílica románica. A lectura da novela, de trama atraínte e ben artellada, permítenos obter informacións a xeito de excursos históricos sobre as orixes do Camiño de Santiago e a propia redacción do Códice. E de seguro que o/a lector/a non deixa de sorprenderse das hipóteses do autor. Porque a novela é un subterfuxio para a aprendizaxe. Eu non cría que Diego e Patricia rematasen do xeito que finaron, pero ben pensado... era lóxico. ¿Era este o crime perfecto?

* Le algúns fragmentos da novela de José Luis Corral.

 

Nacho Taibo preséntanos, a través dos ollos de María de Ulloa -concubina do arcebispo de Compostela Alonso II Fonseca, e nai de dous fillos del-, unha visión do outono da Idade Media galega, desde a revolta irmandiña á “doma de Galicia” levada a cabo polos Reis Católicos. O último tercio do século XV é un período apaixoante, no que xoga un papel significativo o “triángulo íntimo” formado por María de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) e Afonso de Fonseca, envoltos estes últimos en liortas políticas continuas. E todo coa calma do mar de Arousa que atende o pasamento da protagonista, unha muller liberal á que se ama canto máis un se lle aproxima.

* Le algúns fragmentos da novela de Nacho Taibo

Alicia Díaz Balado preséntanos, a xeito de diario íntimo e prosa altamente lírica, as reflexións de Inés de Castro, "colo de garza", a bela doncela da Limia que acompañou á súa prima Constanza -filla de don Juan Manuel- a casar con Pedro de Portugal. A historia de amor de Inés con Pedro I nunca foi aprobada polo rei, pai deste, que ordeou a súa execución nunha fría e neboenta mañá de xaneiro de 1355. A autora preséntanos a unha Inés non interesada polos asuntos de Estado, senón fervente amante e nai, o que non impide que, a través dos seus ollos, se nos amose un xeito de pensar moi contemporáneo, cheo de reflexións sagaces sobre o sentido da nobreza, a morte en vida das monxas de clausura, o crecemento das cidades baixomedievais,...

* Le  algúns fragmentos da novela de Alicia Díaz Balado .

Moi interesante tamén é a versión da historia de Inés de Castro escrita por Mª Pilar Queralt.

Unha Galicia imaxinaria do século VIII, chamada Miranda e dependente do reino de Asturias -contra o que o duque Dinís quere revoltarse para acadar a independencia-, amósasenos como terra de supersticións a punto de ser “debidamente cristianizada” tras a aparición dun pozo milagroso nas afóras de Muros. A fantasía de John Alonso concita a un Exerio (que ben podería ser transmutación daquela Exeria altomedieval, galega, que foi visitar Terra Santa en peregrinación) que difunde a nova fe cristiá; un cabaleiro bretón que porta os ideais do amor cortés; unha cidade asulagada (Ánarem), habitada por delsios, nos confíns de Fisterra; piratas normandos chegando ás nosas costas; ata unha irmandade anticipada, con fins ben diferentes á daquela do século XV nas terras galegas... Esta fantasía merece ser lida.