Mosteiros

28.02.2012 00:21

Claustro da Hospedería de Sobrado dos Monxes, do século XVI

A tradición monacal e eremítica en Galicia ven de longo. "Superados" os primeiros brotes de herexía priscilianista no século IV -tras ser condeado en 385 en Burdeos o artífice da mesma-, os invasores suevos -que de facto profesaban o rito cristiano romano, mais que por marcar a identidade do reino volveron ao arrianismo nos tempos de chegada dos visigodos á Península Ibérica- mantiveron relacións diplomáticas fructíferas con Oriente, co imperio bizantino. De alí chegou, cara a 550, San Martiño de Dumio, artífice da primeira vaga de fundacións monásticas, unha delas en San Martiño de Mondoñedo [ver folleto] Nesta época tamén abundaron as covas de ermitaños á beira do Sil e do Miño, e algúns mosteiros de comunidades limitadas, como San Pedro de Rochas.

O monaquismo do século VII está acaudillado por San Frutuoso de Braga e baseado no pactualismo. A súa organización establece unha clara colaboración no seo de cada comunidade monástica, ao tempo que van chegando os ecos da reforma beneditina, baseada no ben coñecido "ora et labora", que combina traballo e oración como bases da vida dos mosteiros.

Boa parte das fundacións altomedievais corresponderanse con mosteiros dúplices creados por familias da alta nobreza que querían -mediante doazóns- evitar a división das súas herdanzas. Esta práctica das comunidades de homes e mulleres vivindo conxuntamente mantívose longo tempo en Galicia, ata ben entrado o século XI e incluso comezos do XII, ata que se impuxo brevemente a reforma cluniacense e se propagou a obra de Gregorio VII, Papa artífice do sometemento a unha doutrina común de todos os territorios do Occidente cristián. A relevancia cluniacense coincide en Galicia cos tempos de Xelmírez, época dourada da igrexa compostelá -que adquire en 1120 a categoría de arcebispado-.

Mais os grandes renovadores e innovadores nos aspectos relixiosos e económicos en Galicia van ser os monxes cistercienses, asentados por primeira vez na nosa terra en Sobrado dos Monxes (1142), e creando despois unha rede de mosteiros que impulsará enormemente as innovacións agrícolas e contribuirá -grazas aos excedentes creados nas súas granxas e nas súas abadías- á expansión das cidades e do comercio. 

Ao abeiro do crecemento urbano instalaranse, xa no século XIII, en Galicia, as ordes mendicantes (franciscanos e dominicos, dominicas e clarisas), nos límites urbanos ou ben no extrarradio. 

A vida monástica en Galicia está caracterizada por un período de esplendor que coincide co auxe do Camiño de Santiago, coa expansión económica e co renacer urbano (séculos XII e XIII). Se ben seguiron mantendo poder e propiedades na Idade Moderna, boa parte dos mosteiros exclaustraríanse a raíz Desamortización do século XIX. Ese foi o momento de maior abandono dos mosteiros galegos... Se ben desde finais do XIX en lugares como Samos, e máis tarde en Sobrado e Oseira, novas comunidades se teñen instalado para tratar de evitar o abandono destes grandes complexos, conciliando a vida monástica con novas funcións turísticas (relativas, sobre todo, á hospedería de peregrinos ou turistas).

Outros, como Melón e Monfero, caeron no máis absoluto abandono. E outros, como San Clodio, Santo Estevo de Ribas de Sil ou Santa María de Aciveiro reconvertéronse para ser hoxe en día complexos hoteleiros de luxo e descanso, aptos para unha nova función ben alonxada daquela que lles deu orixe.